Antes de encamiñarte polo sendeiro, podes subir ata as proximidades do "corno de pedra", tamén chamado o "menhir do Ribeiro", por un estreito camiño cuberto por unha bóveda vexetal de carballos. Só collen un par de persoas.
De volta no punto de partida, reserva un momento para ler os paneis informativos onde encontrar datos útiles que che axudarán a interpretar o que ves durante a camiñada. O sendeiro (ao igual que todos os da ruta) era un antigo camiño forestal, agora con base de lastre. Nalgúns tramos de forte pendente foi restaurado con pavimento de pedra para evitar que as chuvias o desfixesen.
O comezo da etapa pasa por enriba da parroquia de Faramontaos, onde verás algunhas casas case pegadas aos bolos. Dependendo do momento do día, podes encontrarte con veciños que dan o seu paseo diario por esta zona aproveitando a proximidade da ruta ás vivendas. O contorno é unha paisaxe de media montaña que conserva a súa cuberta vexetal autóctona exenta de especies foráneas.
Nos puntos con máis visibilidade, cara ao suroeste (SO), vese o Curro do Faro das Laceiras, situado a 18 km. de distancia e lugar de encontro do monte Faro e Suído.
