O último tramo da ruta transcorre xa polas zonas de labradío próximas ao núcleo de Carballeda de Avia. As augas do río Maquiáns e os seus pequenos afluentes regan os prados e os cultivos dunha poboación principalmente agricultora, que vivía do campo e da vide, cun clima moi propicio para o cultivo, como atesoura a calidade dos viños do Ribeiro.
As aldeas de Sáa e Vilariño albergan muíños escondidos baixo árbores autóctonas. Os muíños desta ruta están perfectamente restaurados, tanto por fóra coma por dentro, e conservan todos os útiles necesarios para moer o gran.
Un deles destaca polo seu teito de granito e pola pedra de moer que hai na fronte da construción.
Os muíños de Vilariño están situados nun enclave perfecto para gozar da natureza.
