Vilar de Condes é un punto destacado polo seu patrimonio natural e arquitectónico. No seu ámbito natural pódense ver castiñeiros, carballos e outras especies de vexetación autóctona. Para chegar ata aquí, despois de abandonar o sendeiro de lastre, hai que seguir o camiño pola estrada asfaltada.
Neste lugar encontramos dous muíños preto dun núcleo de casas. Dende o segundo deles pódese contemplar o val de Carballeda de Avia, os bolos graníticos e a igrexa de Vilar de Condes.
Se nos achegamos á parroquia de Vilar de Condes poderemos visitar un conxunto de 13 hórreos (eira de "canastros"), propiedade de 22 veciños. Os hórreos foron restaurados recentemente con fondos públicos. Están situados sobre unha "laxa" de pedra onde antigamente se mallaba o centeo e o trigo, que logo se gardaban dentro dos hórreos xunto coas patacas e as ristras de millo.
